Hoxe mércores 1 de xuño publicouse A ORDE do 5 de maio de 2011 pola que se regulan determinados aspectos relativos ao desenvolvemento do bacharelato e se complementa a normativa sobre esta etapa.
Artigo 1. Permanencia dun ano máis no mesmo curso.
1. O alumnado que en 1º de bacharelato obteña avaliación negativa en máis de 2 materias deberá cursar de novo o curso completo e será cualificado en todas as materias, agás no suposto previsto no punto 3 deste artigo.
2. Sen prexuízo do anterior, o alumnado con 3 ou 4 materias avaliadas negativamente no 1º curso de bacharelato manterá a cualificación obtida anteriormente na mesma materia cando a nova cualificación sexa inferior.
En calquera caso, este alumnado estará suxeito aos mesmos dereitos e obrigas que o alumando que se matricula por primeira vez no bacharelato e a cualificación de materias xa superadas outorgarase na avaliación final ordinaria.
3. No caso de que algunha das materias xa superadas deixase de ser impartida no centro, o alumnado poderá manter a cualificación obtida sen necesidade de matricularse nunha nova materia.
4. O alumnado que ao finalizar o 2ºcurso teña avaliación negativa nalgunha materia poderá:
a) Matricularse soamente das materias con avaliación negativa.
b) Matricularse de todas as materias de 2º, logo de solicitude á dirección do centro, coa finalidade de mellorar as súas cualificacións.
A este alumnado consideraráselle, nas materias que xa teña superadas, a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta cualificación sexa superior á anterior.
A escolarización deste alumnado repetidor en ningún caso poderá implicar un incremento de grupos.
Artigo 2. Cambio de materias na repetición de primeiro de bacharelato.
O alumnado que deba repetir o 1º curso poderase matricular en calquera das modalidades ofertadas no centro, sen que estea condicionado polas materias cursadas anteriormente.
Artigo 3. Elección no 2º curso de materias de modalidade de contidos progresivos.
1. O alumnado poderá cursar en 2º unha materia de modalidade que, polos seus contidos progresivos, requira dalgunha materia de 1º que non cursase, sempre que curse simultaneamente a materia de primeiro coa cal se vincula.
A materia de 1º curso non será computable para efectos de modificar as condicións en que o alumno promocionou ao segundo curso.
Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de 2ºcurso non poida asistir á clase da materia de 1º, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporalle un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.
2. Será requisito indispensable a superación previa da materia do primeiro curso para poder ser avaliado na materia de segundo.
Artigo 4. Elección no 2º curso de materias de modalidade que precisan da acreditación de coñecementos previos.
1. O alumnado poderá cursar en 2º materias que precisen da acreditación de coñecementos previos dalgunha materia non cursada en 1º.
Esta acreditación poderase realizar cursando simultaneamente a materia de 1º coa cal se vincula ou mediante o procedemento establecido para as materias previstas no artigo 3 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 2.2 da Orde do 23 de xuño de 2009 pola que se amplía a oferta de materias optativas do bacharelato.
2. No caso de cursar simultaneamente as materias de 1ºe de 2º, a materia de 1º non será computable para efectos de modificar as condicións en que o alumno promocionou ao 2º curso.
Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de 2º curso non poida asistir á clase da materia de 1º, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporalle un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.
Será requisito indispensable a superación previa da materia do primeiro curso para poder ser avaliado na materia de segundo.
3. A acreditación dos coñecementos previos terá como único efecto habilitar para cursar e ser avaliado na materia de segundo cando se logre mediante o procedemento establecido para as materias previstas no artigo 3 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 2.2 da Orde do 23 de xuño de 2009 pola que se amplía a oferta de materias optativas do bacharelato.
Desta circunstancia deixarase constancia mediante unha dilixencia, segundo o modelo do anexo I, no historial académico, no expediente académico e, de ser o caso, no informe persoal por traslado.
A cualificación ou o resultado obtido por este procedemento non se terán en conta para o cálculo da nota media do bacharelato.
En ningún caso se poderá considerar superada esta materia para efectos do cumprimento das seis materias de modalidade exixibles para a obtención do título.
Artigo 5. Materias optativas.
O alumnado de 2º curso que teña avaliación negativa na materia optativa de primeiro poderá optar por recuperala ou por substituíla por outra materia optativa. En todo caso, ao finalizar o 2º curso de bacharelato, o alumnado deberá ter superadas todas as materias comúns, 2 materias optativas e 6 materias de modalidade, 3 de 1º e, 3 de 2º. Destas materias de modalidade, polo menos 5(dúas de 1.º e tres de 2.º) deberán ser da modalidade en que se finaliza o bacharelato.
Artigo 6. Cambio de modalidade.
1. Principios xerais.
a) O alumnado poderá solicitar á dirección do centro o cambio de modalidade ou de vía na modalidade de Artes en calquera dos dous cursos de bacharelato. Con carácter xeral, a dita solicitude efectuarase durante os dous primeiros meses do primeiro curso, e antes do comezo das actividades lectivas do segundo curso.
b) En todo caso, ao finalizar o 2º curso de bacharelato, o alumnado deberá ter superadas todas as materias comúns, dúas materias optativas e seis materias de modalidade, tres de primeiro e tres de segundo, e entre elas estarán as que o alumnado cursará obrigatoriamente en cada un dos cursos e para cada modalidade. Destas materias de modalidade, polo menos cinco (dúas de 1.º e tres de 2.º) deberán ser da modalidade en que se finaliza o bacharelato. En calquera caso, terase en conta o establecido no artigo 3 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o disposto nos artigos 3 e 4 desta orde.
c) Todas as materias superadas se terán en conta para o cálculo da nota media do bacharelato.
d) A autorización de cambio de modalidade ou de vía na modalidade de Artes, para o alumnado matriculado en centros privados, será realizada pola dirección do centro público ao cal estean adscritos, que deberá ter en conta o correspondente informe elaborado pola dirección do centro.
2. Cambio de modalidade ao promocionar a segundo.
O alumnado que promocione ao segundo curso poderá cambiar de modalidade ou de vía no caso da modalidade de Artes, respectando o seguinte:
Deberá cursar as materias propias da nova modalidade ata completar un total de seis materias de modalidade tendo en conta, en todo caso, o que se recolle no punto 1.b) deste artigo.
As materias de modalidade xa superadas que sexan coincidentes coas da nova modalidade ou vía pasarán a formar parte das materias requiridas na nova modalidade.
Unha das materias de modalidade superadas e non coincidentes coas da nova modalidade poderá ser considerada como de modalidade non propia da nova modalidade ou como a materia optativa de primeiro ou de segundo curso.
Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir ás clases das materias de primeiro que deba cursar como consecuencia do cambio de modalidade, estas materias trataranse de forma análoga ás pendentes e os departamentos didácticos que as imparten proporán ao alumnado un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programarán probas parciais para verificar a superación desas materias.
3. Cambio de modalidade ao permanecer un ano máis no segundo curso.
O alumnado que ao finalizar o segundo curso teña avaliación negativa nalgunha materia poderá cambiar de modalidade ou vía na modalidade de Artes nas condicións xerais establecidas nos puntos 1 e 2 deste artigo.
4. Dos cambios de modalidade ou vía, no caso da modalidade de Artes, deixarase constancia mediante dilixencia, segundo o modelo do anexo II, no historial académico, no expediente académico e, de ser o caso, no informe persoal por traslado.
Artigo 7. Cambio de idioma da materia lingua estranxeira como materia común.
O alumnado que no 2º curso de bacharelato desexe cambiar o idioma da materia común lingua estranxeira poderá incorporarse ás ensinanzas da lingua estranxeira II coa autorización do director do centro e sempre que curse simultaneamente a materia de 1º curso.
A solicitude de cambio á dirección do centro realizarase no momento da matrícula e, en calquera caso, antes do inicio das actividades lectivas do 2º curso.
A dita materia de 1º non será computable para os efectos de modificar as condicións en que o alumnado promocionou ao segundo curso.
Será requisito indispensable a superación previa da materia do primeiro curso para poder ser avaliado na materia de segundo.
Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de 2º curso non poida asistir ás clases de lingua estranxeira I, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporá ao alumnado un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.
Artigo 8. Segunda lingua estranxeira.
1. A segunda lingua estranxeira poderá ser cursada en ambos os dous cursos de bacharelato.
2. O alumnado que non cursase a segunda lingua estranxeira no 1º curso de bacharelato poderá incorporase ás ensinanzas da segunda lingua estranxeira II no 2ºcurso, sempre que curse simultaneamente a materia de 1º curso. A dita materia non será computable para os efectos de modificar as condicións en que o alumno promocionou ao segundo curso. Será requisito indispensable a superación previa da materia do 1º curso para poder ser avaliado na materia de 2º.
Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de 2ºcurso non poida asistir ás clases de segunda lingua estranxeira I, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporá ao alumnado un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.
Artigo 9. Nota media.
A nota media do bacharelato será a media aritmética de todas as materias, arredondada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.
Artigo 10. Matrícula de honra.
1. Os alumnos e as alumnas que obtivesen no 2º curso de bacharelato unha nota media igual ou superior a nove puntos poderán recibir a mención de matrícula de honra. A dita mención concederáselle a un número de alumnos non superior ao 5% do total de alumnado deste curso.
2. A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos documentos de avaliación do alumno ou alumna.
3. A concreción curricular do bacharelato incluirá nas directrices xerais os criterios para a concesión das mencións de matrícula de honra ao alumnado.
Artigo 11. Obtención do título de bacharel para o alumnado que finalice as ensinanzas profesionais de música ou de danza e supere as materias comúns do bacharelato.
1. O alumnado que estea en posesión do título profesional de música ou danza e do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos poderá realizar estudos de bacharelato cursando exclusivamente as materias comúns.
2. O alumnado que desexe simultanear estudos das ensinanzas profesionais de música ou de danza cos de bacharelato poderá matricularse exclusivamente nas materias comúns do bacharelato, sempre que cumpra os seguintes requisitos: ter superado o cuarto curso das ensinanzas profesionais de música e danza, estar cursando quinto ou sexto das ditas ensinanzas e en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos.
3. As materias comúns de bacharelato deberán cursarse, polo menos, en dous anos académicos, curso a curso, dispoñendo dun máximo de catro anos para a súa superación no réxime ordinario.
4. Para poder cursar as materias comúns do segundo curso do bacharelato será preciso ter cualificación positiva nas materias de primeiro, con dúas excepcións como máximo.
5. O alumnado que por reunir os requisitos establecidos nos puntos 1 ou 2 deste artigo desexe cursar exclusivamente as materias comúns, deberá solicitalo ao formalizar a matrícula de bacharelato, conforme o modelo de anexo III desta norma. A solicitude deberá ir acompañada de documento acreditativo de estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente, así como do certificado da súa matrícula, nese ano académico, nalgún dos cursos quinto ou sexto das ensinanzas de profesionais de música ou de danza ou, de ser o caso, da documentación que acredite que superou as ensinanzas profesionais de música ou de danza.
6. Cando un alumno formalice exclusivamente a matrícula das materias comúns de bacharelato nun centro privado, comunicarao ao IES a que estea adscrito.
7. Superadas as ensinanzas profesionais de música e danza, o alumnado obterá o título de bacharel se supera as materias comúns do bacharelato, de acordo co establecido no artigo 50.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
8. En consecuencia co recollido no punto anterior, obterá tamén o título de bacharel aquel alumnado que, tendo cursado segundo de bacharelato nunha das tres modalidades, teña superadas as ensinanzas profesionais de música ou danza e todas as materias comúns do bacharelato, aínda que non teña completada a modalidade en que estivese matriculado.
9. A proposta de expedición do título será realizada polo instituto de educación secundaria en que se superasen as materias comúns do bacharelato ou por aquel ao cal estea adscrito o centro en que se superaron as citadas materias, unha vez que o conservatorio profesional de música ou de danza certifique que o alumno superou todas as materias das ensinanzas profesionais e as cualificacións das materias de quinto e sexto curso das ditas ensinanzas profesionais. No caso do alumnado que accedese directamente ao sexto curso por proba de acceso, o citado certificado recollerá as cualificacións deste curso.
10. Os documentos de avaliación do bacharelato do alumnado que obteña o título de bacharel deste modo deberán incluír unha dilixencia para facer constar que, de conformidade co establecido no artigo 16.3 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato, o alumno superou exclusivamente as materias comúns de bacharelato.
11. A nota media do bacharelato será a media aritmética das cualificacións de todas as materias comúns de bacharelato e das materias dos cursos quinto e sexto das ensinanzas profesionais de música ou de danza da correspondente especialidade, arredondada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. No caso do alumnado que acceda directamente ao sexto curso das ensinanzas profesionais de música ou de danza, para o cálculo da nota media serán consideradas as cualificacións das materias dese curso e de todas as materias comúns de bacharelato.
No hay comentarios:
Publicar un comentario